Deportes Venres 28 de Xuño de 2.002

Reivindican a súa condición de Patrimonio Artístico da Humanidade

Ciclismo e cultura unen a Ferrol e Lugo en favor do Castelo de San Felipe

A proposta xurdiu en agradecemento ó apoio prestado no seu día polo Concello departamental

Redacción • Ferrol

Máis de douscentos quilómetros en bicicleta servirán para reivindicar a condición de Patrimonio da Humanidade para o castelo ferrolán de San Felipe. Será na marcha cicloturista que mañá unirá Lugo con este punto na que, ademais, perseguirase a unión de dúas culturas. A proba, exenta de calquera carácter competitivo, iniciarase na cidade das murallas ás 11.30 horas, xusto despois de que as autoridades lucenses dispensen unha recepción ós participantes, e chegará a Ferrol en torno ás 16.00 horas. Alá, na praza de Armas, tamén se efectuarán unha serie de actos para obsequiar ós participantes. A rota de regreso a Lugo se efectuará posteriormente, estando prevista a chegada definitiva o redor das 21.00 horas.

O Club Ciclista Muralla Lucense e a concejalía de Deportes desta cidade pariron esta iniciativa fai algún tempo como agradecemento ó apoio que o Concello de Ferrol prestou á candidatura lucense para que as súas murallas romanas fosen consideradas Patrimonio da Humanidade. Ambas entidades, en cooperación co Club Ciclista Ferrol e o Padroado Municipal de Deportes departamental, organizaron a celebración desta proba sen carácter competitivo e vinte cicloturistas encargaranse mañá de levala a cabo. Serán oito do Club Ciclista Ferrol, outros oito do Club Ciclista Muralla e catro dunha delegación portuguesa procedente de Viana do Castelo, que acoden a esta cita polo hermanamento que existe entre esta localidade e Lugo.

 

 Deportes Domingo 30 de Xuño de 2002

Apoio desde Lugo á declaración de Patrimonio da Humanidade

A cultura sobre dúas rodas

Unha vintena de ciclistas do Club Muralla, Ciclista Ferrol e Viana do Castelo percorreron 200 quilómetros para apoiar a proposta

Redacción • Ferrol

Rompendo o mito, unha vez máis, da rivalidade que enfronta ás cidades de Lugo e Ferrol e facendo gala das boas relacións institucionais entre ambas, de novo o deporte contribuíu na xornada de onte ó seu achegamento.

Nesta ocasión produciuse en forma de marcha cicloturista entre as dúas localidades que compartiron ó longo de máis de 200 quilómetros de percorrido, máis dunha vintena de compoñentes dos clubs Muralla Lucense e o Ciclista Ferrol, así como representantes de Viana do Castelo, cidade hermanada con Lugo.

O obxectivo destes deportistas era reivindicar e apoiar de forma visible a proposta de que o conxunto histórico-artístico que forman os castelos da ría departamental sexan declarados Patrimonio da Humanidade, da mesma forma que no seu momento se fixo á recíproca coa construcción romana da veciña capital. En agradecemento ó apoio prestado no seu momento polo consistorio departamental a esta petición -actualmente xa conseguida-, os deportistas lucenses se ofreceron para esta demostración altruísta que en torno ás catro da tarde de onte culminaba na praza de Armas. O Concello departamental, atendendo a este desinteresado acto, ofreceu ós ciclistas dos tres clubs participantes, unha recepción oficial e unha serie de obsequios que foron entregados polo delegado de Deportes Fernando Blanco.