>Réquiem polo deporte escolar.
>Beneficios da actividade física e do exercício nas persoas de idade.
>O xogo é unha necesidade vital para o neno.
|
¿RÉQUIEM POLO
DEPORTE ESCOLAR? por
Manuel Bouza Faraldo Quixera
comezar a miña reflexión diferenciando dous termos totalmente diverxentes:
deporte en idade escolar e deporte escolar. O
primeiro é aquel no que participan escolares tanto federados como non
federados, suxeitos a unha regulamentación común, nos diferentes niveis
deportivos, no marco da Federación que coordine cada especialidade. Neste
tipo de deportes, priman os resultados, clasificacións, títulos (a prensa
recolle a miúdo avultados, marcadores de 20-1 en fútbol sala e tamén en
minibasket, etc.). Seria
axeitado que nos detivesemos un minuto a cavilar a desilusión e a
desanimosidade que estes resultados producen ós mozos deportistas e
moitas veces ocasionan o abandono da práctica deportiva ó crer que
fracasaron. Para agravar o problema, estes encontros celébranse a miúdo nun
ambiente de enganada "paixón" deportiva, chegando mesmo ó insulto,
as discusións airadas e ás agresións verbais, todo iso presenciado por
escolares, a cuxa formación, desde logo non contribúen estes comportamentos
irracionais. ¿Onde
ficou o auténtico deporte escolar? Refírome a aquel cuxo obxectivo é a
participación, o afán de superación, o gozo da práctica deportiva,
independentemente duns resultados que deben ser contemplados como un factor
secundario, cambiante, anecdótico... Así,
lograremos fomentar un deporte para todos, non para "estrelas", no
que todo tipo de escolar teña cabida e protagonismo; un deporte igualitario e
non discriminatorio. Esa
é a auténtica base do espírito deportivo e o principio irrenunciable para a
preparación física e anímica dos nosos escolares. Podémonos
deter un intre e analizar quen ou quen somos os responsables deste estado de
cousas. ¿As autoridades educativas?, ¿os profesores?, ¿as federacións?
Creo que todos debemos deternos un intre para pensar sobre as consecuencias
que a situación do deporte escolar pode carrear na mingúa da educación
integral dos nosos fillos. O deporte serve para crear ilusión e non
complexos; propicia compañeirismo e non enimistades; fomenta o espírito de
equipo e a sociabilidade, non o individualismo egocéntrico... ; cada vez somos máis pais, profesores, autoridades deportivas... que tomamos conciencia do problema e buscamos solucións. A todos eles, gracias. |
|
BENEFICIOS
DA ACTIVIDADE FÍSICA E DO EXERCICIO
NAS PERSOAS DE IDADE por
Carlos Piñeiro Díaz Coordinador
médico da Escola de Envellecemento Activo. Colaborador
da OMS no Programa Internacional de Envellecemento. O
día 7 de abril celebramos o Día Mundial da Saúde 2002, sendo o lema da OMS
(Organización Mundial da Saúde) "Pola túa saúde, móvete",
tratando de dar especial notoriedade ás alternativas de que dispoñen os
individuos e comunidades para influír na súa propia saúde e benestar.
Segundo os datos da OMS a falta de actividade física duplica o risco de
enfermidades cardiovasculares, de diabete de tipo II e de obesidade,
incrementando o risco de padecer cancro de colon e de peito, hipertensión
arterial, problemas de peso, osteoporose, depresión e ansiedade, estimando
que a inactividade física provoca máis de dous millóns de defuncións ó
ano. Os estilos de vida sedentarios son un importante problema de saúde pública
por provocar un aumento de mortalidade, morrebilidade e discapacidade. Segundo
as conclusións preliminares dun estudio da OMS sobre factores de risco, os
modos de vida sedentarios son unha das 10 causas fundamentais de mortalidade e
discapacidade no mundo. A participación periódica en actividades físicas
moderadas pode demorar o declive funcional e reducir o risco de enfermidades
crónicas nas persoas maiores sas ou con enfermidades crónicas. Mellora a saúde
mental e acostuma favorecer os contactos sociais. O
feito de se manter activas pode axudar ás persoas maiores a continuar coas súas
actividades da vida diaria da forma máis independente posible e durante o
maior período de tempo. Tamén
se obteñen vantaxes económicas cando as persoas maiores están activas. Os
gastos médicos reducense considerablemente cando as persoas maiores manteñense
activas (OMS,1998 a). A actividade física mellora a calidade de vida das
persoas de todas as idades en moitos xeitos. Entre os beneficios físicos
colle citar a mellora e o aumento do equilibrio, a forza, a coordinación, a
flexibilidade e a resistencia. Demostrouse así mesmo que a actividade física
contribúe a mellorar a coordinación motora e a función cognitiva. Os
estilos de vida activos proporcionan ás persoas de idade constantes
oportunidades de facer novos amigos, manter os vínculos sociais e
relacionarse con outras persoas de todas as idades. A mellora da flexibilidade,
o equilibrio e o ton muscular pode contribuír a reducir o risco das caídas,
que son unha causa importante de discapacidade nas persoas de idade. Tense
observado que os niveis de enfermidade mental son inferiores entre as persoas
activas. Os
beneficios da actividade física poden desfrutarse mesmo incluso se a práctica
regular comeza nunha etapa tardía da vida. Algunhas enfermidades comúns
entre as persoas de idade son as cardiovasculares, a artrite e a osteoporose.
Se manterse activos
desde a mocidade pode axudar a previr moitas enfermidades, o movemento e a
actividade regular, poden contribuír a aliviar a discapacidade e o dor
asociados a estas enfermidades. A
actividade física tamén pode contribuír enormemente ó tratamento dalgúns
trastornos como a depresión e a enfermidade de Alzheimer. As
sesións de exercicio organizadas, adaptadas a condición física de cada un,
ou os simples paseos poden proporcionar a oportunidade de facer novos amigos e
manter vínculos coa comunidade, reducindo así o sentimento de soidade e de
exclusión social. A actividade física aumenta a confianza en un mesmo e a
autonomía, cualidades que contribúen ó benestar psicolóxico. Quen
sofren dunha enfermidade ou discapacidade específicas que puidesen afectar á
súa capacidade de manterse activos deberán consultar a un médico antes de
participar nunha rutina ou programa de actividade física. Os paseos, a natación,
os exercicios de estiramento, a danza, a xardinería, o excursionismo e a
bicicleta son actividades excelentes para as persoas de idade. Segundo as
previsións, o número de persoas maiores de 60 anos se duplicará nos próximos
20 anos. A maioría destas persoas vivirá nos países de desenvolvemento. Reducir e demorar a discapacidade derivada da idade é unha medida de saúde pública esencial e a actividade física pode ser un factor importante para crear e manter o benestar en todas as idades. (Documentos da OMS. Día Mundial da Saúde 2002). |
|
O
XOGO É UNHA NECESIDADE VITAL PARA O NENO
Profesora
na Escola Universitaria de Enfermería e Podoloxía de Ferrol. Directora de
Enfermería Hospital A. Marcide. O neno aprende xogando o que ninguén lle pode ensinar, cumprindo o xogo unha
función moi importante na vida do neno, que lle serve non só para pasar o
tempo, se non que é unha necesidade vital. É crucial para a súa medra e
desenvolvo físico, psíquico e intelectual, xa que a través do xogo aprenden
máis sobre se mesmo, sobre os seus amigos e sobre a sociedade na que vive,
promovendo en el unha evolución intelectual e afectiva. Tense
dito que o xogo é o traballo do neno. O xogo educa na felicidade e fai que o
neno experimente situacións diferentes e aprenda a adaptarse ás novas
esixencias. A través do xogo o neno despraza ó exterior as súas angustias e
os seus medos e vainos dominando mediante a acción. O xogo é unha linguaxe e
unha representación simbólica de fantasías, desexos e experiencias. Como dicía
Sigmund Freud, o neno xoga non só para repetir situacións pracenteiras, senón
tamén para elaborar as que lle resultan dolorosas ou difíciles. Xogar
é saudable durante toda a vida do ser humano dedicándolle na infancia grande
parte do seu tempo, fomenta a súa capacitación e desenvolvo. Se un neno non
xoga, colle preguntarse o que lle ocorre. A través do xogo, o neno busca coñecementos,
aumenta e desenvolve o seu xeito e experiencia, e imita ós maiores creando
situacións imaxinarias. Isto significa que o pequeno debe ser inquedo, curioso
e imaxinativo. Os pais teñen que dar importancia ó proceso do xogo para
comprender e acompañar ó fillo na súa medra. Observándoo xogar e implicándose
con el a través do xogo compartido, poden coñecelo moito mellor e comunicarse
con el dunha maneira máis próxima. Segundo
a idade o xogo significa: -
De 0 a 5 anos, é a única actividade. -
De 5 a 10 anos, é a máis importante. -
De 10 a 15 anos, é necesario. -
De 15 anos en adiante, é conveniente. Dependendo
das distintas etapas do desenvolvemento do neno, o xogo varia, pasando do xogo
solitario, ó xogo imitativo, ó xogo formal (non competitivo) e, finalmente,
prefire xogos con regulas (competitivos). Un
instrumento básico no xogo é o xoguete. A súa elección é importante. Os
pais deben orientarse sobre que xoguetes que son axeitados en cada momento, e
en cada idade, a partir dos grandes trazos de desenvolvemento psicomotor do
neno, pero sen esquecer a súa individualidade. É
necesario ter en conta o seu comportamento, as súas necesidades, a súa idade
e o seu desenvolvemento concreto para poder darlle o xoguete máis axeitado.
Colle tamén ter en conta a importancia de que os diferentes xogos posúan
valores pedagóxicos que se orienten a áreas distintas do desenvolvemento. Outro
xeito importante é que o xoguete sexa capaz de promover a creatividade do neno:
canto máis simple e menos mecánico sexa, mellor. Cantas veces un neno que
recibiu moitos agasallos acaba xogando co papel da envoltura ou coas caixas de
cartón. Basear a elección nos xogos que máis gustan ó adulto é un erro.
Non é aconsellable tampouco proporcionar demasiados xoguetes ó neno,
posto que a súa creatividade se pode ver bloqueada. Determinados
materiais domésticos, como son o cartón, os nobelos de fío, as caixas, as
botellas de plástico, etc., ofrecen opcións de xogo que potencian a
creatividade do neno deixando que el mesmo, coa colaboración dos adultos,
fabrique os seus propios xoguetes: deixar que a imaxinación do pequeno
converta estes obxectos caseiros en cabalos, bonecas, coches ou trens é unha
maneira de potenciar un desenvolvemento positivo do neno. Atribuíronselle
moitas consecuencias negativas ó feito de ver a televisión en exceso, sen
embargo, os nenos seguen pasando moitas horas ante o televisor e xogando con
videoxogos. Algúns autores afirman que a televisión non constitúe un reto
para a imaxinación, interfire coa soidade do xogo, e fomenta o materialismo e
a pasividade. Tamén interfire nas relacións familiares e o diálogo. A partir
de 10 horas semanais de televisión o rendemento escolar diminúe. Por outra
parte, dende diferentes ámbitos estase estudiando a relación entre o tempo
dedicado ós videoxogos e á televisión e a violencia en nenos e mozos. Sen
embargo, non hai que esquecer que a televisión emite tamén programas
educativos. Ben utilizada, a televisión aumenta o vocabulario do neno, amplía
o coñecemento do seu entorno, de outras culturas e maneiras de pensar, polo
que favorece a súa estimulación e desenvolvemento. Os
pais deben ser conscientes sobre a importancia de limitar o tempo diario de
televisión ó máximo de 2 horas e de supervisar e acompañar ó neno mentres
a mira. É
necesario axudar ó neno a expresar o que sente cando ve determinados
programas, a elaborar as súas emocións, separar a ficción da realidade e
aprender a ser crítico. É preciso, así mesmo, transmitir ós pais a
inconveniencia de utilizar a televisión como unha gardería e a necesidade de
buscar alternativas de xogo saudables e recreativas. Por último, non se debe
recorrer á televisión para favorecer determinados hábitos, por exemplo para
conseguir que o neno coma. E
sen dúbida o mellor xoguete para un neno é xogar con el. Este artigo foi publicado por DIARIO DE FERROL o 3 de marzo de 2002. |